Categoría: Igualdade
Cadeiras que suxeitan
Este é o noso terceiro ano impartindo o Curso de Habilidades Comunicativas e Expresivas, encadrado dentro do Programa de Inserción Laboral para vítimas de violencia de xénero que desenvolve a Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses.
Non todos os anos son iguais, pero ningún deixaron de ensinarnos. Ensináronnos que é posible, que a debilidade está do outro lado, que a forza (a de verdade, que nada ten que ver cos músculos) contrúe, é quen de mudar realidades. Ensináronnos que todas estamos do mesmo lado, aínda que non nos parezamos, aínda que nen sequera estemos de acordo. Ensináronnos que a súa forza é a que nos fai fortes.
Este ano pechamos o Plan “Recicl-arte” coa mostra dos traballos que as participantes levaron a cabo nos Obradoiros de Restauración e Reciclaxe e tentamos converter en textos as súas ideas sobre o mudar para mellorar.
Cousas de príncipes e princesas
Imos crear unha escena, non fai falla que sexa de ningún conto coñecido, pero ten que ter un príncipe e unha princesa.
Primeiro buscamos as características de cada personaxe, o que os motiva e o que van facer para conseguilo.
Príncipe: Resultou ser Valente, atrevido, intelixente e forte. O que o motiva é salvar á princesa porque está namorado dela (aínda que non a coñeza). Para conseguilo ten que enfrontarse a retos, matar dragóns, escalar torres… nun caso tiña ata que voar.
Princesa: É guapa e delicada (nalgunha proposta só guapa) O que a motiva é escapar da súa situación (ás veces está encerrada, outras explotada e humillada). Non fai nada para conseguilo, espera que o faga o príncipe.
Bruxa: Fea, mala e envexosa (da beleza da princesa, posto que é a súa única cualidade). Quere casar co príncipe ou ser máis guapa que a princesa. Matará, envelenará, secuestrará ou embruxará a princesa para conseguir o seu obxectivo.
Esta é a escena que constrúe calquera rapaz ou rapaza, pero é ficción, non importa moito.
Ou non importaría moito senón fose o primeiro contacto dun neno/a co amor romántico.
A historia dun amor que chega igual que unha dor. Dun home que debe ser infalible e enfrontar os seus problemas e os da súa incapaz namorada. Dunha rapaza que só debe estar guapa e caladiña, aguantando o que faga falla, esperando a ser digna de ser salvada. A historia dunha muller disposta a impoñer o amor a quen non a ama, de facer moito dano a outras mulleres.
A princesa cumpriu anos, cambiaron os tempos, agora fai “50 sombras de Grey”
E colorín colorado, este conto cambiámolo entre tod@s
Unha Gioconda no bar e unha Maja africana
15 mulleres, con 15 historias, con 15 corpos, con 15 personalidades, con 15 millóns de soños e con 15 formas de entender o mundo.
15 mulleres elixiron 15 cadros que representan figuras femininas e, con esa imaxe de referente, decidiron o xeito de reflectir nunha foto a que para elas é unha visión da muller actual.
E decidiron que A Gioconda está cansa de sorrir, que se cansou de ser a cándida e apracible moza, que quere liberdade para sentir e falar. A Gioconda pintou os beizos e marchou tomar algo.
E decidiron poñerlles libros ás cortesáns compracentes e cortar os fíos das bonecas silenciadas. E os corpos utilizados enchéronse de cadeas, cansáronse de ser un obxecto e só queren pertencer á súa dona.
A Maja vestiuse con roupas africanas, porque a fermosura tamén é negra, tamén tivo que emigrar. A fermosura non só é nobre; madruga, leva os nenos á escola e busca traballo para chegar a fin de mes.
15 mulleres con 15 historias, 15 cadros que nos representan a todas
*Proxecto enmarcado dentro do Curso de Habilidades Comunicativas e Expresivas do Programa Express-arte, para a inserción laboral de vítimas de violencia de xénero, xestionado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses e promovido pola Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia.