Encantadas de coñecerte

Hai moitos, moitos anos, xúntanse, por cousas da vida, dúas persoas na cidade de Lugo, Rocío e Elea.

Comparten longos cafés no medio de longas tertulias sobre o eido educativo, o teatral e o social. Buscando un nexo para as súas inquedanzas, comezan a impartir xuntas os OBRADOIROS DE TEATRO para nenos e nenas en Hipócrita Teatro.

Sabendo que aprender a escoitar tamén é preciso fóra do escenario, que entender o corpo como unha ferramenta comunicativa e expresiva implica máis que a creación de personaxes, e que identificar as emocións axuda a manexalas, soñan cun proxecto que aplique as ferramentas do teatro máis alá da interpretación e da posta en escena.

Non queren charlas, nin libros, queren unha aprendizaxe real e amena

Con ilusión, esforzo e infinitos consellos, nace, co apoio de Hipócrita Teatro, TEATRO PARA A INTEGRACIÓN, un proxecto que traballa con rapazas e rapaces  en risco de exclusión e que pretende a inclusión e a aprendizaxe social e emocional de xeito lúdico a través de ferramentas teatrais. Así coñecen á Asociación Dignidade.

“Pero, e os adultos?” Xermina entón SAÍNDO DE DENTRO, unha iniciativa para traballar coa poboación reclusa do Centro Penal de Monterroso. Traballan as emocións, a escoita e a empatía a través do teatro. Non podían estar máis contentas! Os resultados superaron as expectativas! Así coñeceron á Asociación Aliad Utreia.

A aprendizaxe é moito máis efectiva cando se realiza de xeito práctico e emocional

Coa experiencia acumulada seguiron camiñando e atopáronse coa Asociación Axel, que lles propón impartir un innovador curso para vítimas de violencia de xénero que buscan a inserción laboral. Non queren charlas, nin libros, queren unha aprendizaxe real e amena. Acaba de nacer EXPRESANDO FUTURO e o curso Habilidades Comunicativas e Expresivas. Logo dun intenso mes de traballo a experiencia deu os seus froitos: ao finalizar o curso, as participantes xuntáronse e crearon a Asociación Lazos Invisibles.

Mentres avaliaban e xulgaban positivos os resultados, comezan a xestarse outros programas.  Entendendo que a aprendizaxe é moito máis efectiva cando se realiza de forma práctica e emocional, e  que o Centro Educativo é un lugar idóneo para chegar a alumnado que doutro xeito non participaría nunha experiencia deste tipo, buscan aplicar as novas metodoloxías para concienciar sobre un problema social de actualidade: o acoso escolar.

Buscan aplicar as novas metodoloxías para concienciar sobre un problema social

Así nace RESPECTARTE un programa no que, dende o teatro e as súas ferramentas, se tome conciencia da figura de observador pasivo e da cooperación como método de afrontar conflitos.

Lévase a cabo por primeira vez no IES Muralla Romana, e así, aínda roubándolles o tempo do recreo, os participantes implicáronse rapidamente e, dende a liberdade, expuxeron inquedanzas propias que foron transformando o espazo de traballo e reflexión nun espazo creativo e comunicativo dende o que integrar aprendizaxes e condutas.

O camiño segue e Rocío e Elea estarían encantadas de coñecerte porque, colorín colorado, este conto so está iniciado.