Categoría: Teatro

Enbucleenbucleenbucle

Traballo realizado polos alumnos e alumnas de 4º da E.S.O. do I.E.S. da Terra Chá, Trapero Pardo, como montaxe de concienciación incluído no Obradoiro IGUALARTE .

Audio, incluído nun montaxe teatral, constrído para mostrar a fase de estalido da violencia, dentro do ciclo da violencia de xénero.

Traballo realizado polos alumnos e alumnas de 4º de F.P. Básica do I.E.S. da Terra Chá, Trapero Pardo, como montaxe de concienciación incluído no Obradoiro IGUALARTE .

Audio constrído para mostrar roles e estereotipos de xénero, dentro dun montaxe teatral máis amplo.

Cadeiras que suxeitan

Este é o noso terceiro ano impartindo o Curso de Habilidades Comunicativas e Expresivas, encadrado dentro do Programa de Inserción Laboral para vítimas de violencia de xénero que desenvolve a Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses.

Non todos os anos son iguais, pero ningún deixaron de ensinarnos. Ensináronnos que é posible, que a debilidade está do outro lado, que a forza (a de verdade, que nada ten que ver cos músculos) contrúe, é quen de mudar realidades. Ensináronnos que todas estamos do mesmo lado, aínda que non nos parezamos, aínda que nen sequera estemos de acordo. Ensináronnos que a súa forza é a que nos fai fortes.

Este ano pechamos o Plan “Recicl-arte” coa mostra dos traballos que as participantes levaron a cabo nos Obradoiros de Restauración e Reciclaxe e tentamos converter en textos as súas ideas sobre o mudar para mellorar.

                                                                                                                                                                           

Cuestión de Empatía

Ninguén aprende a falar se non lle falan.  Pouco importa que teña a capacidade biolóxica para facelo, a aprendizaxe é un proceso que require d@s demais.

O mesmo pasa coa empatía: trabállase, mellórase, habilítase… pero nunha burbulla nin xurde nin evoluciona.

Para poñerse nos zapatos doutr@ hai que escoitar sen xulgar, e non é doado.  Ás veces é ir en contra de todos os estímulos que recibimos día a día. Ás veces o doado é ter prexuízos, crear opinións e emitir xuízos de valor.

A tan necesaria crítica foise desvirtuando, deixou de ser un xeito de construír, de percibir ós demais e aprender para converterse nun ataque daniño no que ratificar as ideas propias e preconcibidas.

A xustiza social nunca será posible sen individuos empáticos, capaces de aprender uns dos outros, de ver e escoitar as demais.  Individuos que se enriquezan das diferenzas.

A educación sen empatía é memorización

Diferenzas

Pedímoslle a 28 rapazas e rapaces de secundaria que crearan un personaxe que sufrise exclusión. Dotárono de habilidades, de soños, de inquietudes e dunha característica que facía que os demais o apartasen. Escribiron tamén as cousas que escoitan e que volven pequenos e sen forzas todos eses proxectos e aspiracións.

Temos 28 personaxes distintas: algunhas negras, unha en cadeira de rodas, unhas cantas homosexuais, un par delas musulmáns, unha con síndrome de down , dúas gordas, un rapaz friky, un home con poucos recursos, outro con anorexia e unha rapaza que practica culturismo.

Día a día enfróntanse a insultos, a humillación e a marxinación social.

Estamos a coñecelas e cústanos entender porque a Sofía,  unha rapaza alegre, cinéfila e á que lle encanta ler, a insultan e lle chaman bollera.

Ou porque ninguén quere darlle traballo a Feliciano cando é un home traballador é amable que atravesou o mundo para buscar unha vida mellor. Por que non ten amigos por ter a pel máis escura.

Nos son persoas reais, pero son un gran reflexo. 28 adolescentes non pensan así por casualidade. Saben que a sociedade exclúe, que as persoas excluímos e temos prexuízos baseados na completa ignorancia.

Buscamos as diferenzas coma se a homoxeneidade fose o valor ó que aspirar. Excluímos por medo ó distinto, cando cada un é diferente o do lado.

Sofía, Feliciano, Suhaila, Paula, Miguel… non existen,  pero con outros nomes viven entre  nosoutras e de nosoutras depende que sigan a ter soños, aspiracións, inquietudes e vidas libres.

O TEATRO, A ARTE DE ESCOITAR Ó OUTRO

Dixo Bronfenbrenner que un escenario non é máis que un lugar onde a xente mantén interaccións cara a cara. E aí, nese recuncho de tempo e espazo, enriba das táboas estamos obrigadas a escoitar. Nada vai funcionar se non o facemos. Toda a técnica do mundo caería no baleiro se non somos quen de ter en conta ó outro, de identificar e reaccionar ás súas emocións, de mirarlle ós ollos.
Este é para nosoutras o principal valor pedagóxico e transformador do teatro.
A sociedade precisa de individuos empáticos para a súa transformación, individuos que sexan quen de valorar a diversidade e aprender do outro.
Pero non é doado, non cando convertemos todo nunha carreira na que o único importante é chegar primeiro.
No teatro iso non serve, o teatro obríganos a desenvolver habilidades novas para cooperar, para entender, para aprender e, sobre todo, para escoitar.
Dende esa perspectiva nace Maisqueteatro. Nunca ambicionamos formar actores ou actrices, senón empregar o teatro como ferramenta transformadora, capaz de cambiar dinámicas e contribuír na mellora de problemáticas sociais.
A nosa primeira experiencia, xerme da estrutura posterior, foi un Obradoiro de Habilidades Expresivas e Comunicativas, encadrado dentro dun Plan de Inserción Laboral para vítimas de violencia de xénero e xestionado por unha Asociación. O teatro e as súas ferramentas aplicadas ó desenvolvemento de habilidades persoais e sociais permitiu, ás participantes, crear un contexto onde enfrontarse ó conflito de forma controlada e enriquecedora, no que identificar os seus límites e aumentar a súa zona de confort. Así mesmo, como ferramenta expresiva, favoreceu
a capacidade de identificar emocións propias e alleas, canalizalas e reaccionar tras unha escoita activa. Por outra banda, as dramatizacións de escenas laborais habituais aumentou a súa capacidade para afrontar as mesmas dende a calma e a percepción de ser quen de controlalas. O resultado do traballo e o xeito no que o teatro, aplicado como medio e recurso, incidiu na mellora obxectiva e subxectiva das participantes, animounos a seguir investigando e tratando de mellorar.
Pouco tempo despois, un Centro Educativo lucense propúxonos impartir un Obradoiro teatral para a prevención do acoso escolar. Unha marabillosa oportunidade que nos permitía afondar no valor pedagóxico e transformador do teatro. Do proxecto formaron parte 17 adolescentes de último curso de secundaria que, tras realizar o obradoiro, fixeron unha performance de concienciación para o resto dos seus compañeiros e compañeiras. A través da creación de personaxes e do traballo con emocións tiveron que escoitar a vítima, ós acosadores e ás observadoras, poñerse no seu lugar, imaxinar o que lles provocaba, o por qué os observadores non interviñan… Tiveron que escoitar para poder crear, e escoitar foinos mudando pouco a pouco. Atopáronse con personaxes que tiñan actitudes moi similares ás súas, que tiñan medo pero non o sabían, ós que ás veces lles resultaba máis doado mirar para outro lado… Coñeceron moito de si a través dos personaxes que crearan e coñecer é o primeiro paso para concienciar.
Este curso traballamos con asociacións de distinta índole e ademais varios centros educativos abríronnos as súas portas. Cada vez estamos máis convencidas de que este é un contexto perfecto para promover cambios efectivos utilizando a arte e a transversalidade que se lle supón ó currículo educativo, onde antes de profesionais se forma a persoas.
O último exemplo e tamén o noso último proxecto ata o de agora: o Obradoiro Teatral para Favorecer a Inclusión nas Aulas que se levou a cabo, de forma conxunta, en dous Institutos de Secundaria da cidade de Lugo. 15 rapaces e rapazas que fixeron un traballo fermosísimo, tanto no desenvolvemento do obradoiro coma na mostra final para o resto do alumnado e profesorado. Nun escenario, armados con posits de cores, entenderon os procesos de categorización e como deles emana a
discriminación. Convertéronse en persoas que só cargan cun adxectivo, entenderon a diversidade, escoitáronse moito. Tanto se escoitaron, que foron quen de escribir entre todos o texto da montaxe final; que decidiron facer un debate posterior cos seus compañeiros e compañeiras para escoitar, tamén, ós demais; que subiron ó escenario seguros do que querían contar, convencidas de que estaban a cambiar cousas.
Quizabes a maioría das persoas que participaron nos obradoiros non teñen interese en dedicarse ó teatro, nalgún caso foi a súa primeira aproximación, pero do mesmo xeito que o deporte ensina e beneficia aínda que non se ambicione formar parte dun equipo olímpico, o teatro permítenos o uso de ferramentas que mudan realidades, que amplían perspectiva e que desenvolven habilidades cada vez máis necesarias nun mundo cada vez máis xordo.

*Artigo icluído na Revista Galega de Teatro, no número 95 “Teatro e Inclusión”