Categoría: Educación emocional

Cuestión de Empatía

Ninguén aprende a falar se non lle falan.  Pouco importa que teña a capacidade biolóxica para facelo, a aprendizaxe é un proceso que require d@s demais.

O mesmo pasa coa empatía: trabállase, mellórase, habilítase… pero nunha burbulla nin xurde nin evoluciona.

Para poñerse nos zapatos doutr@ hai que escoitar sen xulgar, e non é doado.  Ás veces é ir en contra de todos os estímulos que recibimos día a día. Ás veces o doado é ter prexuízos, crear opinións e emitir xuízos de valor.

A tan necesaria crítica foise desvirtuando, deixou de ser un xeito de construír, de percibir ós demais e aprender para converterse nun ataque daniño no que ratificar as ideas propias e preconcibidas.

A xustiza social nunca será posible sen individuos empáticos, capaces de aprender uns dos outros, de ver e escoitar as demais.  Individuos que se enriquezan das diferenzas.

A educación sen empatía é memorización

Perdidos nun bosque de emocións

Hoxe perdémonos no monte, iamos facendo sendeirismo , perdemos ó grupo e quedamos só dous.

Coma en todo monte que se prece, non había cobertura  e tampouco sabiamos chegar á estrada

Así comezamos hoxe unha dinámica, algúns dirían que estabamos nunha aula e outras que ninguén estaba perdido… pero esa xente non coñece a maxia do teatro.

Cada unha das parellas viviu a mesma situación, pero non todas reaccionaron igual. Antes de saír a escena abrimos o “Emocionario” por unha páxina ó azar, a emoción que definía esa páxina era a que tiña o noso personaxe perdido.

Aprendemos un montón de emocións novas e vimos como estas modifican a conduta.  Porque a quen lle tocou pánico non era capaz de buscar unha solución, pero a calma deixaba pensar e aparecían alternativas. A alegría parecía moi ideal, pero facía que esquecésemos tomar precaucións e estar alerta, resultou que o medo tamén era necesario…

Como necesario e coñecer o que sentimos para poder atoparnos sen que ninguén se faga dano.