Nós pensabamos que non tiñamos prexuízos ata que as coñecemos a elas. Un día saímos de clase pensando “podería pasarme a min”. É una obviedade, pero non o é, de súpeto a distancia coa que o ves todo muda, de súpeto dáste conta que ti tamén es filla da sociedade na que o amor romántico pode cámbialo todo se es paciente, que ti tamén traspasaches límites sen ni sequera decatarte.
E veste a ti mesma dicíndolle ó rapaz de aquel bar que tes mozo para que te deixe tranquila, e ves como finxías falar por teléfono de volta a casa porque viña un home detrás, lémbraste cantas veces xustificaches coa falta de tempo o non ter fillos e míraste no espello e sabes que pensaches “por que o consinte”
Nós críamos que nunca nos pasaría porque non buscabamos un señor Grey, porque eramos económicamente independentes, porque nunca nos pasara… Só viamos a cúspide do iceberg, pero non a nosoutras axudando a suxeitala.
Ese día entendemos que ninguén consinte un maltrato na primeira cita, que somos todos e todas, como sociedade os/as que permitimos a súa escalada. Cada vez que aceptamos os celos como parte do amor, cada vez que dicimos que se che levanta as saias e porque lle gustas, cada vez que aceptamos que se nos xulgue polo noso físico ou pola nosa forma de vestir, cada vez que cuestionamos á vítima e buscamos xustificar a agresión. Cada vez que normalizamos a base da pirámide para sentir que a nós nunca nos pasará.
Por iso hoxe é 25N, e mañá e todos os días, porque cada vez que unha persoa entenda (home ou muller) que é libre de ser quen é, que é un ser completo e digno de amor tal como é, que si queremos cambiar ten que ser por amor a nós e non a ninguén , que NON é NON e non é necesario xustificalo. Cada vez que iso pase estaremos máis preto de terminar coa violencia de xénero. Porque claro que me pode pasar a min, e a ti e a calquera. Porque todas somos fillas da mesma sociedade.