Dixo Bronfenbrenner que un escenario non é máis que un lugar onde a xente mantén interaccións cara a cara. E aí, nese recuncho de tempo e espazo, enriba das táboas estamos obrigadas a escoitar. Nada vai funcionar se non o facemos. Toda a técnica do mundo caería no baleiro se non somos quen de ter en conta ó outro, de identificar e reaccionar ás súas emocións, de mirarlle ós ollos.
Este é para nosoutras o principal valor pedagóxico e transformador do teatro.
A sociedade precisa de individuos empáticos para a súa transformación, individuos que sexan quen de valorar a diversidade e aprender do outro.
Pero non é doado, non cando convertemos todo nunha carreira na que o único importante é chegar primeiro.
No teatro iso non serve, o teatro obríganos a desenvolver habilidades novas para cooperar, para entender, para aprender e, sobre todo, para escoitar.
Dende esa perspectiva nace Maisqueteatro. Nunca ambicionamos formar actores ou actrices, senón empregar o teatro como ferramenta transformadora, capaz de cambiar dinámicas e contribuír na mellora de problemáticas sociais.
A nosa primeira experiencia, xerme da estrutura posterior, foi un Obradoiro de Habilidades Expresivas e Comunicativas, encadrado dentro dun Plan de Inserción Laboral para vítimas de violencia de xénero e xestionado por unha Asociación. O teatro e as súas ferramentas aplicadas ó desenvolvemento de habilidades persoais e sociais permitiu, ás participantes, crear un contexto onde enfrontarse ó conflito de forma controlada e enriquecedora, no que identificar os seus límites e aumentar a súa zona de confort. Así mesmo, como ferramenta expresiva, favoreceu
a capacidade de identificar emocións propias e alleas, canalizalas e reaccionar tras unha escoita activa. Por outra banda, as dramatizacións de escenas laborais habituais aumentou a súa capacidade para afrontar as mesmas dende a calma e a percepción de ser quen de controlalas. O resultado do traballo e o xeito no que o teatro, aplicado como medio e recurso, incidiu na mellora obxectiva e subxectiva das participantes, animounos a seguir investigando e tratando de mellorar.
Pouco tempo despois, un Centro Educativo lucense propúxonos impartir un Obradoiro teatral para a prevención do acoso escolar. Unha marabillosa oportunidade que nos permitía afondar no valor pedagóxico e transformador do teatro. Do proxecto formaron parte 17 adolescentes de último curso de secundaria que, tras realizar o obradoiro, fixeron unha performance de concienciación para o resto dos seus compañeiros e compañeiras. A través da creación de personaxes e do traballo con emocións tiveron que escoitar a vítima, ós acosadores e ás observadoras, poñerse no seu lugar, imaxinar o que lles provocaba, o por qué os observadores non interviñan… Tiveron que escoitar para poder crear, e escoitar foinos mudando pouco a pouco. Atopáronse con personaxes que tiñan actitudes moi similares ás súas, que tiñan medo pero non o sabían, ós que ás veces lles resultaba máis doado mirar para outro lado… Coñeceron moito de si a través dos personaxes que crearan e coñecer é o primeiro paso para concienciar.
Este curso traballamos con asociacións de distinta índole e ademais varios centros educativos abríronnos as súas portas. Cada vez estamos máis convencidas de que este é un contexto perfecto para promover cambios efectivos utilizando a arte e a transversalidade que se lle supón ó currículo educativo, onde antes de profesionais se forma a persoas.
O último exemplo e tamén o noso último proxecto ata o de agora: o Obradoiro Teatral para Favorecer a Inclusión nas Aulas que se levou a cabo, de forma conxunta, en dous Institutos de Secundaria da cidade de Lugo. 15 rapaces e rapazas que fixeron un traballo fermosísimo, tanto no desenvolvemento do obradoiro coma na mostra final para o resto do alumnado e profesorado. Nun escenario, armados con posits de cores, entenderon os procesos de categorización e como deles emana a
discriminación. Convertéronse en persoas que só cargan cun adxectivo, entenderon a diversidade, escoitáronse moito. Tanto se escoitaron, que foron quen de escribir entre todos o texto da montaxe final; que decidiron facer un debate posterior cos seus compañeiros e compañeiras para escoitar, tamén, ós demais; que subiron ó escenario seguros do que querían contar, convencidas de que estaban a cambiar cousas.
Quizabes a maioría das persoas que participaron nos obradoiros non teñen interese en dedicarse ó teatro, nalgún caso foi a súa primeira aproximación, pero do mesmo xeito que o deporte ensina e beneficia aínda que non se ambicione formar parte dun equipo olímpico, o teatro permítenos o uso de ferramentas que mudan realidades, que amplían perspectiva e que desenvolven habilidades cada vez máis necesarias nun mundo cada vez máis xordo.
*Artigo icluído na Revista Galega de Teatro, no número 95 “Teatro e Inclusión”