Autor: Maisqueteatro

O TEATRO, A ARTE DE ESCOITAR Ó OUTRO

Dixo Bronfenbrenner que un escenario non é máis que un lugar onde a xente mantén interaccións cara a cara. E aí, nese recuncho de tempo e espazo, enriba das táboas estamos obrigadas a escoitar. Nada vai funcionar se non o facemos. Toda a técnica do mundo caería no baleiro se non somos quen de ter en conta ó outro, de identificar e reaccionar ás súas emocións, de mirarlle ós ollos.
Este é para nosoutras o principal valor pedagóxico e transformador do teatro.
A sociedade precisa de individuos empáticos para a súa transformación, individuos que sexan quen de valorar a diversidade e aprender do outro.
Pero non é doado, non cando convertemos todo nunha carreira na que o único importante é chegar primeiro.
No teatro iso non serve, o teatro obríganos a desenvolver habilidades novas para cooperar, para entender, para aprender e, sobre todo, para escoitar.
Dende esa perspectiva nace Maisqueteatro. Nunca ambicionamos formar actores ou actrices, senón empregar o teatro como ferramenta transformadora, capaz de cambiar dinámicas e contribuír na mellora de problemáticas sociais.
A nosa primeira experiencia, xerme da estrutura posterior, foi un Obradoiro de Habilidades Expresivas e Comunicativas, encadrado dentro dun Plan de Inserción Laboral para vítimas de violencia de xénero e xestionado por unha Asociación. O teatro e as súas ferramentas aplicadas ó desenvolvemento de habilidades persoais e sociais permitiu, ás participantes, crear un contexto onde enfrontarse ó conflito de forma controlada e enriquecedora, no que identificar os seus límites e aumentar a súa zona de confort. Así mesmo, como ferramenta expresiva, favoreceu
a capacidade de identificar emocións propias e alleas, canalizalas e reaccionar tras unha escoita activa. Por outra banda, as dramatizacións de escenas laborais habituais aumentou a súa capacidade para afrontar as mesmas dende a calma e a percepción de ser quen de controlalas. O resultado do traballo e o xeito no que o teatro, aplicado como medio e recurso, incidiu na mellora obxectiva e subxectiva das participantes, animounos a seguir investigando e tratando de mellorar.
Pouco tempo despois, un Centro Educativo lucense propúxonos impartir un Obradoiro teatral para a prevención do acoso escolar. Unha marabillosa oportunidade que nos permitía afondar no valor pedagóxico e transformador do teatro. Do proxecto formaron parte 17 adolescentes de último curso de secundaria que, tras realizar o obradoiro, fixeron unha performance de concienciación para o resto dos seus compañeiros e compañeiras. A través da creación de personaxes e do traballo con emocións tiveron que escoitar a vítima, ós acosadores e ás observadoras, poñerse no seu lugar, imaxinar o que lles provocaba, o por qué os observadores non interviñan… Tiveron que escoitar para poder crear, e escoitar foinos mudando pouco a pouco. Atopáronse con personaxes que tiñan actitudes moi similares ás súas, que tiñan medo pero non o sabían, ós que ás veces lles resultaba máis doado mirar para outro lado… Coñeceron moito de si a través dos personaxes que crearan e coñecer é o primeiro paso para concienciar.
Este curso traballamos con asociacións de distinta índole e ademais varios centros educativos abríronnos as súas portas. Cada vez estamos máis convencidas de que este é un contexto perfecto para promover cambios efectivos utilizando a arte e a transversalidade que se lle supón ó currículo educativo, onde antes de profesionais se forma a persoas.
O último exemplo e tamén o noso último proxecto ata o de agora: o Obradoiro Teatral para Favorecer a Inclusión nas Aulas que se levou a cabo, de forma conxunta, en dous Institutos de Secundaria da cidade de Lugo. 15 rapaces e rapazas que fixeron un traballo fermosísimo, tanto no desenvolvemento do obradoiro coma na mostra final para o resto do alumnado e profesorado. Nun escenario, armados con posits de cores, entenderon os procesos de categorización e como deles emana a
discriminación. Convertéronse en persoas que só cargan cun adxectivo, entenderon a diversidade, escoitáronse moito. Tanto se escoitaron, que foron quen de escribir entre todos o texto da montaxe final; que decidiron facer un debate posterior cos seus compañeiros e compañeiras para escoitar, tamén, ós demais; que subiron ó escenario seguros do que querían contar, convencidas de que estaban a cambiar cousas.
Quizabes a maioría das persoas que participaron nos obradoiros non teñen interese en dedicarse ó teatro, nalgún caso foi a súa primeira aproximación, pero do mesmo xeito que o deporte ensina e beneficia aínda que non se ambicione formar parte dun equipo olímpico, o teatro permítenos o uso de ferramentas que mudan realidades, que amplían perspectiva e que desenvolven habilidades cada vez máis necesarias nun mundo cada vez máis xordo.

*Artigo icluído na Revista Galega de Teatro, no número 95 “Teatro e Inclusión”

Cousas de príncipes e princesas

Imos crear unha escena, non fai falla que sexa de ningún conto coñecido, pero ten que ter un príncipe e unha princesa.

Primeiro buscamos as características de cada personaxe, o que os motiva e o que van facer para conseguilo.

Príncipe: Resultou ser Valente, atrevido, intelixente e forte. O que o motiva é salvar á princesa porque está namorado dela (aínda que non a coñeza). Para conseguilo ten que enfrontarse a retos, matar dragóns, escalar torres… nun caso tiña ata que voar.

Princesa: É guapa e delicada (nalgunha proposta só guapa) O que a motiva é escapar da súa situación (ás veces está encerrada, outras explotada e humillada). Non fai nada para conseguilo, espera que o faga o príncipe.

Bruxa: Fea, mala e envexosa (da beleza da princesa, posto que é a súa única cualidade). Quere casar co príncipe ou ser máis guapa que a princesa. Matará, envelenará, secuestrará ou embruxará a princesa para conseguir o seu obxectivo.

Esta é a escena que constrúe  calquera  rapaz ou rapaza, pero é ficción, non importa moito.

Ou non importaría moito senón fose o primeiro contacto dun neno/a co amor romántico.

A historia dun amor que chega igual que unha dor. Dun home que debe ser infalible e enfrontar os seus problemas e os da súa incapaz namorada. Dunha rapaza que só debe estar guapa e caladiña, aguantando o que faga falla, esperando a ser digna de ser salvada. A historia dunha muller disposta a impoñer o amor a quen non a ama, de facer moito dano a outras mulleres.

A princesa cumpriu anos, cambiaron os tempos, agora fai “50 sombras de Grey”

E colorín colorado, este conto cambiámolo entre tod@s

Non é casualidade

Un pobo que coopera, ten rapaces que saben cooperar. Un pobo que escoita, cría rapazas que escoitan. Nun pobo que respecta, medran persoas respectuosas.

Santaballa é un recuncho pequeno de Lugo onde a xente se segue a xuntar para facer cousas xuntos. E fan encaixe de bolillos, e xogan o fútbol, e van ó teatro e mesmo rodan curtas.

Están os avós e avoas, as nais e pais e os rapaces e rapazas. Alí están tod@s, aprendendo a vivir uns cos outros . Aprendendo unhas das outras.

Resulta que nun contexto así naceron nenos e nenas que escoitan e respectan, que son quen de entender as dificultades de cada un, que traballan en equipo e buscan o ben común. Resulta que o seu xeito de relacionarse parécese ó de quen están a ver todos os días. Non é casualidade

Hai lugares con maxia, a maxia de traballar cada día para crear comunidade. Porque tamén somos fillos do noso entorno, porque para mudar o mundo temos que comezar polo de preto.

 

Imposible sen vós

Cando comezamos este proxecto nunca imaxinamos ser quen de convertelo en algo tan grande.

Cando vos pedimos axuda non pensamos que nos fosedes regalar o voso tempo e talento dun xeito tan xeneroso.

Chegados ó final só podemos agradecer: agradecer o tempo, os folgos, a creatividade, o moitísimo que nos ensinastes e o non perder nunca o sorriso.

Pero iso sería o doado, agradecer.

O que non é doado é estar disposto sempre, ceder o teu tempo cando pouco tes, coller unha idea e regala con tanto amor e talento que se convirta en algo moito mellor. O que non é doado é facer que importe de verdade.

Doado sería tentar destacar o voso talento por riba das ideas das 15 protagonistas. Doado sería querer recoñecementos por riba de coherencia.

Coller 15 visións e respectalas, aprender delas e facelas medrar era o complicado.

Grazas! Sen vós imposible!

Grazas por non facer as cousas doadas

Crer para crear

Ás veces é máis doado non crer. Non tentalo, non innovar, non buscar estratexias novas, non esforzarse… Ás veces é máis doado renderse e pensar que non paga a pena.

A normalización da diversidade require alumnado empático que crea nas capacidades de cada persoa, que entenda os procesos dos que deriva a discriminación e que sexa consciente do seu poder transformador. Pero eles e elas non deixan de ser o noso reflexo no espello.

Por iso queremos adicar estas liñas a todas e todos os educadores e educadoras que decidides crer. Que credes no potencial dos alumnos, que considerades a diversidade unha oportunidade e non un obstáculo. Vosoutras crendo creades o futuro, vós cambiades o mundo.

“Etiquetas” foi un fermoso proceso de creación posible grazas a tod@s @s que crestes. Fostes quen de aportar, de involucrarse, de analizar, de superar medos… de CREAR e de CRER.

Grazas por agasallarnos con futuro

 

 

Presentación final do Obradoiro Teatral para Favorecera Inclusión nas Aulas, levado a cabo polos alumnos de secundaria do IES Lucus Augusti  e do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes a través do Programa I+I e a colaboración de Tadega

 

 

O valor das palabras

Éranse unha vez palabras que se cravaban como agullas, que doían ó saír e mancaban ó chegar. Facían que as persoas parecesen pequenas e sen valor. Ocupábano todo e bruaban nas mentes, no aire e mesmo nos escritos. Éranse unha vez palabras que destruían, que excluían.

Pero bastaba só con mirarse ós ollos para que brotaran palabras fermosas  que voaban e  debuxaban novos sorrisos,  e bruaban nas mentes, no aire e mesmo nos xornais.

Éranse unha vez palabras fermosas que sabían facer sentir ben. Facían que as persoas se sentisen valoradas e contaban historias que enchían de folgos. Éranse unha vez palabras fermosas que agarimaban, que incluían.


Vídeo resume da 3ª sesión do “Obradoiro para favorecer a Inclusión nas Aulas” que se está a levar a cabo no IES Lucus Augusti e no IES Nosa señora dos Ollos Grandes, coa colaboración de Tadega.

Sesión titulada “O valor das palabras

ANDAMOS POLA VIDA CARGADAS DE POSIT

Estamos a impartir, para alumnado de dous institutos de secundaria, un Obradoiro Teatral para favorecer a Inclusión nas aulas.

Na primeira sesión  tentamos buscar un exercicio que, de xeito visual, lles axudase a entender que era un prexuízo e como os procesos de categorización influían na discriminación.

Escribimos posits de colorines, moitos; con cualidades, aptitudes, rasgos físicos, de caracter, gustos, habilidades…. (guapo, negra, lista, gordo, mala en deportes, boa en ciencias…)

Con eles crearon personaxes baseados en persoas recoñecibles: Lady Gaga, El Langui e Jesús Vázquez. Entre todos decidiron que posit levaba cada un.

A Lady Gaga tocoulle guapa, creativa,  popular…

A Jesús Vázquez guapo, simpático, forte…

El Langui tivo o de simpático, o de divertido e o de rapeiro…

Despois leron testemuñas reais destas persoas, nas narran a discriminación e o acoso ós que foron sometidas.

A continuación eliminamos e cambiamos posits par deixar só os que foran acordes coas testumuñas.

Lady Gaga resultou que só tiña o de gorda.

El Langui non levaba máis que o de discapacitado.

Jesús Vázquez quedou co de gordo e co de galego.

Ó final todas imos pola vida cargados de posits, cantos len os demais é o que nos condiciona.

 

Historias extraordinarias de persoas ordinarias

 

María ten 12 anos e leva 3 nas salas dos xulgados; a pesares diso sorrí, xoga coa súa irmá e sae á rúa chea de forza. Pelexa polo teléfono e ten os primeiros complexos adolescentes.

María é unha rapaza máis pero cunha historia horrible, que viviu medos e violencia e que agora se enfronta a un sistema que non a deixa ser nena.

María criouse co home do saco, os seus monstros nunca estiveron debaixo da cama. Agora os seus pesadelos chámanse recordos, que volven día a día, valoración a valoración, vista xudicial a vista xudicial.

María coñece o peor da raza humana e segue confiando.

Pero ás veces énchese de xenreira e estoupa, porque non quere repetir o mesmo unha e outra vez, porque está cansa de que a valoren a ela, de que a xulguen, porque só quere ter 12 anos e gravar Musicalis (ou como se diga) e comprar roupa que brille moito e ler libros de medo.

A semana que ven ten outro xuízo, mentres súa nai está cun avogado  escribe un conto sobre un castelo cheo de moscas.  Coma unha nena máis,coma unha nena extraordinaria.

A María, a todas as Marías  que non se merecen ser silenciadas

 

O mellor e o peor do noso traballo son as persoas e ás súas historias. Ás veces fanche perder a fe no mundo que estamos a crear. Outras énchente de forza porque ese mesmo mundo está cheo de persoas extraordinarias que o fan mellor a pesares das súas historias.

 

 

Unha Gioconda no bar e unha Maja africana

15 mulleres, con 15 historias, con 15 corpos, con 15 personalidades, con 15 millóns de soños e con 15 formas de entender o mundo.

15 mulleres elixiron 15 cadros que representan figuras femininas e, con esa imaxe de referente, decidiron o xeito de reflectir nunha foto a que para elas é unha visión da muller actual.

E decidiron que A Gioconda está cansa de sorrir, que se cansou de ser a cándida e apracible moza, que quere liberdade para sentir e falar. A Gioconda pintou os beizos e marchou tomar algo.

E decidiron poñerlles libros ás cortesáns compracentes e cortar os fíos das bonecas silenciadas. E os corpos utilizados enchéronse de cadeas, cansáronse de ser un obxecto e só queren pertencer á súa dona.

A Maja vestiuse con roupas africanas, porque a fermosura tamén é negra, tamén tivo que emigrar. A fermosura non só é nobre; madruga, leva os nenos á escola e busca traballo para chegar a fin de mes.

15 mulleres con 15 historias, 15 cadros que nos representan a todas

 

                                

*Proxecto enmarcado dentro do Curso de Habilidades Comunicativas e Expresivas do Programa Express-arte, para a inserción laboral de vítimas de violencia de xénero, xestionado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses e promovido pola Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia.

Todos somos observadores

O curso pasado fixemos un obradoiro sobre acoso escolar con alumnos e alumnas de 4º da ESO.

Ó finalizalo levaron a cabo unha performance de concienciación para o resto do centro.

Dividíronse en tres grupos : observadores, acosadores e unha acosada. Entre todas tentaron identificar as emocións e os sentimentos que motivan a conduta de cada un dos grupos.

“Aproban os observadores o que está a pasar?” Case todos estaban de acordo en que non.

“Por que non interveñen?” Porque teñen medo ou porque non vai con eles foron as respostas máis recorrentes.

“Como se podería cambiar o comportamento dos/as acosadores/as? Todas pensaban que sendo rexeitada a conduta pola maioría.

“Entón… se os observadores teñen o poder de cambiar as cousas, por que teñen medo?, por que pensan que non vai con eles?” Aquí houbo moitas respostas: por medo a que lles pase o mesmo, porque un só non pode cambiar as cousas, porque pensan que algo faría o acosado…

Escoitándoos falar non podíamos evitar vernos reflectidos neles, a nós, a vós… a todos e todas como sociedade. Pensan así porque así llelo ensinamos.

Nós tamén somos observadoras, tamén miramos para outro lado cando a cousa non nos afecta, tamén culpabilizamos a vítima para non poñernos no seu lugar.

Nós tamén somos observadores e tamén podemos mudar as cousas, porque ó cambiar nós cambiará o noso reflexo. O presente e o futuro non deixan de parecerse.