Comezando polo principio

Comezamos a escribir pensando en contarvos as cousas dende o principio, que coñezades maisqueteatro a través de nós, do noso traballo e da nosa visión del; que poidades criticarnos e axudarnos a medrar… Pero non atopamos o principio.

Debería ser sinxelo… Cando nace maisqueteatro?

Non temos resposta, non sabemos por onde comezar.

Entón miramos o caderno no que estamos a escribir (non cremos que poidamos renunciar nunca ó papel). É un fermoso caderno negro de tapas duras, regalo dunha alumna do ano pasado ó finalizar o curso. Ese é o inicio?!

Dá igual que día naceu esta web, ou cando nos sentamos a darlle forma, non importan os números que fixemos (moitos e mal), nin cando foi real a decisión.

Naceu antes, moito antes. Naceu o día que dixemos “Non saben escoitar, temos que facer xogos que lles axuden”.

Naceu no momento en que preparamos unha clase con dinámicas grupais porque “este grupo necesita aprender a cooperar”.

Naceu cada vez que valorabamos as necesidades persoais e tentabamos darlles ferramentas teatrais que puideran levar para a casa, para a vida.

Maisqueteatro xurdiu sen sabelo, regámolo sen darnos conta e cando o coñecemos xa era grande.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *